A Asociación Belmar dispón dun plan de Convivencia e Protección do menor que se inspira na Lei Orgánica 1/1996 de Protección Xurídica do Menor, en consonancia co disposto así mesmo pola Xunta de Galicia, que se rexe por esa mesma Lei nesta materia. Estas son aprobadas e supervisadas pola Xunta Directiva de Belmar.

Calquera persoa que presenciase un feito que afecte as Normas de Convivencia ten a obrigación de formular unha queixa dirixida ao presidente da Xunta Directiva ou, no seu caso, á Directora Técnica da Asociación.

Esta Asociación asumiu o compromiso de formar integramente ás asociadas e a todas as persoas que participan nas súas actividades, o cal non se limita ao deseño e contido das mesmas senón ao estilo propio de levalas a cabo.

Un dos nosos obxectivos principais é ensinar a convivir a todas as mozas, fomentando a convivencia e o respecto ás diferenzas individuais, sen que poida haber discriminación algunha por ningún motivo. Ao favorecer a igualdade real, prevéñense actitudes de rexeitamento, garántese o libre desenvolvemento da personalidade de cada asociada no marco do respecto aos principios constitucionais e estatutarios, así como á normativa específica na Comunidade Autónoma galega, a súa cultura e ao seu ambiente natural.

Para alcanzar os seus obxectivos formativos, a Asociación conta con pais das asociadas, agradecendo a súa implicación nas actividades da mesma e colaborando con eles como primeiros educadores das súas fillas. Por iso as monitoras e persoas que realicen algunha actividade en Belmar, extremarán o coidado e a dilixencia na comunicación coas familias das asociadas. Neste sentido, a comunicación realizarase co matrimonio: evitarase tratar de cuestións relativas ás asociadas só co pai ou só coa nai.

A Asociación observará o disposto na Lei Orgánica 15/1999 do 13 de decembro de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativas de desenvolvemento así como os dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación destes datos por parte dos pais ou titores das asociadas.

Evitarase o consumo de drogas, alcol, tabaco e outras sustancias nocivas para a saúde.

Protexerase ás asociadas da exhibición de símbolos ou emblemas e da realización de actos que inciten á violencia ou que atenten contra a dignidade das persoas e contra os dereitos humanos.

Nas actividades ao aire libre, seguirase o disposto polas autoridades no referente ás acampadas e campamentos. Polo menos dous das monitoras contarán coa titulación requirida de monitora de tempo libre ou -no seu caso- de directora de campamento; nunca durmirán nas habitacións coas menores. As mozas dormen en dormitorios individuais ou de tres prazas ou máis. Para estas actividades a Asociación conta cunha póliza de seguro e terá organizada a resolución dunha eventualidade que requira atención médica.

Evitaranse as prácticas deportivas que supoñan un risco para as asociadas e que superen o risco das actividades previstas nos folletos ou páxina web da Asociación. Para estas prácticas requirirase a autorización expresa dos pais ou titores. Coidarase con rigor que os monitores teñan a titulación requirida.

A Asociación velará pola seguridade viaria e terá moi en conta as persoas seleccionadas para conducir os vehículos que se utilicen para o transporte das asociadas. Non viaxarán soas cunha menor salvo que teña un consentimento específico dos pais e de modo excepcional.

No caso de intimidación, acoso ou malos tratos entre iguais (físico ou psíquico, oral ou escrito, xestual ou ciber-bullying) darase unha resposta inmediata. Procúrase afacer ás asociadas a respectarse e evitar o contacto físico, pelexas, insultos ou calquera outra actuación que poida levar a algunha a sentirse maltratada, aínda que se presenten como bromas.

No trato coas asociadas e as familias, as monitoras terán en conta as seguintes boas prácticas, dirixidas a garantir o respecto debido ás persoas e a adecuada convivencia entre menores e maiores:

  • Nas actividades que se organicen, unha monitora ou profesora non quedará a soas cunha menor nun sitio illado.
  • As asociadas nunca accederán á zona de habitacións persoais das monitoras.
  • Evitarase que coincidan asociadas e persoas adultas en vestiarios. Educarase ás asociadas no sentido do pudor como mostra de respecto aos demais.
  • Evitaranse, así mesmo, manifestacións inapropiadas de afecto por parte das monitoras e das asociadas.
  • Cando o capelán atende espiritualmente unha actividade, faio nun lugar aberto ou en confesonario ou en salita con porta de cristal.

Se se tivese coñecemento dalgunha información que puidese significar un posible acoso, abuso ou malos tratos a unha asociada, actuarase con rapidez, prudencia e claridade, seguindo o procedemento ou protocolo de actuación previsto para estes casos.

As monitoras da Asociación evitarán calquera actuación que poida percibirse como favoritismo ou arbitrariedade cara a unha familia ou unha asociada.

Coñecerán estas normas de convivencia todos os que colaboran nas actividades do Club xuvenil (membros da Xunta directiva, monitoras, profesoras, capeláns, etc.) e ateranse a elas durante a súa actuación ordinaria.

IR AO INICIO