Percorre as redes sociais unha imaxe dunha nena que lle pregunta á súa mamá que é renderse. E a súa nai dille algo así como «non o sei, son unha muller». Poida que a súa condición feminina teña algo que ver. Ou quizais simplemente sexa a súa gran humanidade. Pero con Branca Basanta, Cristina Saiz, Elena Vigón e Andrea Erea, un ten esa sensación; que son mulleres capaces de loitar sempre. As catro comparten mocidade e un proxecto; saen os fins de semana a repartir café con leite quente e bocadillos a persoas indixentes.

Branca, Cristina e Andrea, coordinadas por Elena, que é a maior de todas, falan con tanta autoridade de axudar aos demais que a un cústalle facerse á idea de que está a charlar cunhas adolescentes -de feito, dúas son menores de idade-. Elas participan nun proxecto fácil de explicar pero cunha transcendencia descomunal: trátase de coller café, uns bocadillos e saír á rúa para ofrecerlle o ás persoas que piden ou viven sen un teito que as ampare. A experiencia, que levaron a cabo en Pontevedra e que repetirán en breve, cambioulles o prisma co que ven a vida.

Contan estas mozas que pensaban que se ían a atopar a pé de rúa «con xente brusca». Andrea, a máis pequena, é a que o di con palabras máis francas: «Eu cría que na rúa habería xente horrible». Pero o que viron e, sobre todo, o que sentiron non tivo nada que ver con iso. Percorreron as rúas xusto un día de choiva e frío enorme. E repartiron 38 cafés e vinte bocadillos. «Démonos conta de que todas as persoas ás que lles ofreciamos o café poñíanse contentas. Tocaban coas mans o vaso e agradecían a calor que lles daba», explican.

Sorprendéronlles tantas cousas que é difícil resumilas. Para empezar, que persoas que non teñen nada, que viven co posto, e o posto son vellos trapos, sexan solidarias: «Ofrecemos bocadillos a persoas que nos dixeron que xa habían comido e que fósemos buscar a máis xente que tiña fame. Diciámoslle que o gardasen para cear e insistíannos en que eles xa comesen, pero outros non». Contan que se atoparon cun home que lles preguntou se o bocadillo era de xamón asado quente. Elas dixéronlle que só tiñan xamón cocido ou queixo. El colleu o que lle daban, sorriu e sinalou: «Comereimo imaxinándome o xamón asado calentito».

A repartición durou unhas horas. Pero os seus efectos seguen facendo madeixa. Cóntao ben Elena:

Eu xa non miro ás persoas que están na rúa igual. Antes igual pasaba e case non as vía. Agora fíxome nelas. E a xente á que lle demos café ou bocadillos tampouco nos mira igual.

(La Voz de Galicia, 27.03.2016)

Fotos Nadal 2016

IR AO INICIO